As Bateas
Descubre o cultivo do mexillón na ría de Pontevedra
Protagonistas esenciais da economía mariñeira
Todas as pistas dispoñibles
Actualmente o 98% das mariscadoras de España atópanse en Galicia, o que pon de manifesto a importancia deste sector na nosa sociedade, e as mulleres supoñen o 80% dos profesionais, sendo un oficio tradicionalmente feminino. As mariscadoras pasaron de ser recolectoras a cultivadoras científicas, dominando técnicas de sementa, cultivo, limpeza de areais e control de depredadores.
Audioguía - As Mariscadoras
O traballo das mariscadoras require un equipamento especializado adaptado ás duras condicións do medio mariño. O traxe de augas é imprescindible para manter os pés secos, ao tempo que botan moitas horas metidas no mar con temperaturas xélidas no inverno. As botas de auga proporcionan protección e agarre nas superficies húmidas e irregular dos areais. O angazo, unha especie de rastrillo que permite escarvar na area para localizar o marisco, é unha ferramenta esencial transmitida de xeración en xeración. O sacho complementa o traballo, permitindo escavar con precisión. Todo o marisco recollido almacénase no saco, que a mariscadora leva consigo durante toda a xornada de traballo.
Nas rías galegas, e especialmente en Vilaboa, recóllense diversas especies de gran valor comercial e gastronómico. Entre as principais atópanse o berberecho, a ameixa babosa, a ameixa xaponesa, a ameixa rubia, a ameixa fina, o carneiro e a cornicha. Cada especie require técnicas específicas de recolección e ten os seus propios ciclos de reprodución e crecemento, o que demanda un profundo coñecemento por parte das mariscadoras.
As mariscadoras enfróntanse a duras condicións de traballo. Patoloxías profesionais como lumbalxia, artrose, tendinites e cistites son cousas que teñen que convivir sen moitas veces poder ser motivo de baixa. Son necesarios unha serie de cambios para que o sector poida afrontar o futuro con optimismo. Os desafíos actuais para as mariscadoras son múltiples: o cambio climático está a provocar ondas de calor e alteracións nos patróns de chuvia, en anos de riadas a mortalidade é masiva pola baixada da salinidade, e existe unha crise de relevo xeracional, xa que só o 1% das mariscadoras teñen menos de 30 anos. Ademais, nos últimos anos prodúcese un descenso drástico de capturas.
No Paleolítico atopamos os primeiros vestixios de marisqueo. Na época dos castrexos (séculos VIII-VII a.C. ata o I d.C.) mariscaban tanto para alimentarse como para comerciar con el. Na Idade Media seguíu co costume, pero será no século XIX, coa instalación de numerosas fábricas conserveiras por parte dos cataláns, cando aumente o interese comercial de especies como a ameixa, as vieiras e os berberechos. Ó longo do século XX, a labor de marisqueo que facían as mulleres era un traballo complementario, para cubrir os gastos cando o home non podía faenar, sendo un oficio que pasaba de nais a fillas. A partir dos anos 80 comezan pouco a pouco a profesionalizarse, ata converxer no ano 1995 en Vilagarcía no I Encontro de Mulleres Mariscadoras.
Descubre o cultivo do mexillón na ría de Pontevedra
Protagonistas esenciais da economía mariñeira
A vida vinculada ao mar e os seus oficios tradicionais